Localización : 6
Enderezo: Taberna Eligio Travesía da Aurora, 4, Vigo
Taberna Eligio

Fundada en 1920, a taberna Eligio Foi un destacado punto de encontro de artistas e intelectuais, e Laxeiro era un deles. O pintor mantivo unha dilatada amizade con Eligio González, o seu propietario e fundador. Nado en Leiro, Eligio tiña viños do Ribeiro que pronto adquiriron fama na cidade e, a partir dos anos cincuenta, a taberna converteuse en punto de encontro obrigado de escritores e artistas. A proximidade co edificio do xornal El Pueblo Gallego, Contribuíu tamén a que o local fose frecuentado por xornalistas e, xa nos anos sesenta, setenta e oitenta, era moi común ver nas súas mesas a pintores como Laxeiro, Lodeiro, Urbano Lugrís, Francisco Mantecón, José María Barreiro, Mercedes Ruibal, Agustín Pérez Bellas, Mario Fernández Granell, o escultor Manuel Coia, e tamén escritores, como Álvaro Cunqueiro, José María Castroviejo, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Carlos Oroza ou Xosé Luís Méndez Ferrín.  

Recentemente, a taberna Eligio volveu estar de moda, grazas ao escritor Domingo Villar, que converteu este establecemento nun lugar frecuentado polo detective Leo Caldas, protagonista das súas novelas Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco.

No portal ao lado atopábase a taberna A viúva, tamén frecuentada por artistas e intelectuais. Semella ser que O Eligio era máis frecuentado polos veteranos e A viúva polas novas xeracións de artistas.

gl_ESGalego