Localización : 11
Enderezo: Rúa Urzaiz, 20, Vigo

A última vivenda de Laxeiro, un ático con terraza, estaba localizada na esquina entre a rúa Magallanes e a rúa Urzaiz. No mesmo apartamento, compartía a súa casa e estudio. Non era o seu estudio principal, polo que quizais era o máis impersoal de todos, pero constituía un espazo de traballo auxiliar e confortable, onde podía crear na comodidade de non ter que saír de casa. 

Na entrada, colgado xunto á porta de acceso á cociña, atopábase un cadro feito por el en tinta negra: unha versión de O home do casco de ouro que, ata hai pouco tempo, se atribuíu a Rembrandt, pintor que Laxeiro admiraba profundamente, ata o punto de renderlle homenaxe cun retrato en 1977.

As paredes daquela casa estaban cheas de cadros seus, de compañeiros de xeración e tamén de artistas máis novos. Na sala de estar, transformada en estudio, tiña un cavalete de gran formato para ir rematando algún cadro no que estaba a traballar. Noutro cuarto máis pequeno, tiña un cavalete de menor tamaño para traballar tintas sobre papel. Nese espazo tiña tamén unha libreta de debuxo.  

Neste domicilio é onde Laxeiro faleceu o 21 de xullo de 1996, coa man dereita suxeita polo pintor Antón Lamazares e coa man esquerda suxeita polo pintor Xavier Magalhães. O seu corpo foi velado na capela ardente instalada na Casa das Artes, hoxe en día sede da Fundación Laxeiro.

gl_ESGalego