Descobre a ruta dos lugares vinculados coa estancia do pintor Laxeiro en Vigo, onde viveu en dous períodos: desde 1942 ata 1951 e desde 1971 ata 1996, ano do seu falecemento. Vigo foi tan importante para o pintor que decidiu doar á cidade unha colección de setenta e sete obras, que hoxe se poden ver na Colección permanente da Fundación que leva o seu nome e no Museo Municipal Quiñones de León
Laxeiro (José Otero Abeledo, Lalín, 1908-Vigo, 1996) é un dos pintores máis relevantes da arte galega do século XX. Membro destacado do grupo coñecido como "Os Novos", Laxeiro foi un dos responsables da introdución da arte galega na contemporaneidade. A súa prodixiosa imaxinación, o seu talento plástico e a súa capacidade para reinterpretar a cultura popular en clave contemporánea, fixeron da súa obra un legado sen o que non se podería entender a cultura galega actual.